titulo de benvida
Luís García García

Dende aquí quero dárvola benvida á páxina web do Concello de Brión, unha páxina que nace con tres obxectivos primordiais. Por unha parte, ser un punto máis de información e de encontro para tódolos veciños do concello, por outra servir de guía para que os que se están instalando de novo no concello nos coñezan mellor e, por outra, ser unha porta aberta para todos aqueles que queiran reparar na nosa historia, cultura, parroquias e aldeas, natureza, xente, agardando que así se animen a visitarnos en persoa.

A través das diferentes xanelas que vaiades abrindo poderedes descubrir un concello que se esforza por darlle ós seus veciños e visitantes os mellores servizos, un lugar privilexiado pola natureza, habitado por xentes de carácter aberto e xeneroso, que atesoura un rico patrimonio monumental e arquitectónico, un lugar que invita a perderse polas súas paraxes sen sentirse defraudado.

Esto e moito máis poderedes descubrir nesta nova páxina que a partir de agora estará ó voso servizo, unha nova ferramenta que poñemos á vosa disposición dende o Concello para así podermos estar máis perto nós de vós e vós de nós. Esperamos que vos sexa útil e pola nosa parte tentaremos sempre que esta páxina sexa un referente non só para os brioneses senón para tódolos que queren achegarse a coñecer un pouco máis o noso concello.

Un cordial saúdo.
José Luís García García
Alcalde do Concello de Brión